Saturday 04 de May de 2024

A concelleira Ana Soneira asina os novos estatutos da Asociación de Concellos do Camiño Inglés


O acto coincidiu coa II Feira da Primavera, que tivo lugar esta fin de semana en Betanzos. Os concelleiros Xosé Manuel Rodríguez e Xosé Manuel Mira foron os encargados de promover entre outros produtos os grelos, queixos, mel ou os famosos queiques

Coincidindo coa celebración da II Feira da Primavera Ana Soneira, edil de Medio Ambiente do Concello de Ordes, participou na xuntanza que tivo lugar en Betanzos con representantes dos municipios que conforman a Asociación do Camiño Inglés. Entre outros asuntos principalmente levouse a cabo a sinatura dos novos estatutos da dita asociación. Cómpre lembrar que dende o pasado ano Ordes forma parte da xunta directiva, ao ser escollido para asumir a vicepresidencia. En total son dezaoito os municipios que forman parte desta asociación, pertencendo á comarca os de Oroso e Mesía ocupando a presidencia e asumindo funcións vogais respectivamente.
Como fins principais da asociación figuran a promoción e o desenvolvemento turísticos, achegando a cooperación entre as administracións. Tamén se sinala a potenciación, defensa e mellora do patrimonio natural e histórico-artístico; planificación e organización de iniciativas de desenvolvemento sostible; elaboración de programas medioambientais; apoio a peregrinos; implantación nos distintos mercados e na Unión Europea etc.
Xa no que se refire á II Feira da Primavera propiamente dita durante todo o sábado os concellos participantes non pararon de promover toda a súa gastronomía, cultura e riqueza paisaxística. Ata alí se desprazaron tamén os concelleiros Xosé Manuel Rodríguez e Xosé Manuel Mira. Queixos, mel, licores, queique, grelos e moito máis foron algunhas das excelencias que se presentaron e se degustaron no posto do Concello ao longo de todo o día. Entre os que pasaron por alí estiveron Valentín González Formoso e María Nava Castro, presidente da Deputación da Coruña e directora de Turismo.